Compañeirismo
Ninguén adestra sol@. Aquí rémase en equipo.
O club · Lugo · Desde 1999
O CHL Meigas é un club deportivo sen ánimo de lucro de Lugo, fundado en 1999, onde nenas, nenos, mocidade e persoas adultas se inician na patinaxe e no hóckey liña dun xeito divertido, seguro e acompañado.
Quen somos
Agardámoste con patíns, casco, compañeir@s e moitas ganas de pasalo ben. Gozamos do deporte desde o agarimo, a confianza e a diversión.
Aquí non só se aprende a patinar: apréndese a caer e a erguerse, a confiar en un@ mesm@ e a formar parte de algo. Nacemos como club feminino e hoxe adestra todo o mundo.
De onde vimos
O club naceu en 1999 como tantos outros: unhas cantas amigas que quedaban a patinar e a xogar partidiños.
En Galicia non había liga autonómica, así que para competir non quedaba outra que presentarse directamente ao Campionato de España, contra equipos con anos de rodaxe. Perdíase case sempre, pero de cada viaxe volvíase sabendo un pouco máis.
Cando por fin se creou unha liga feminina nacional, os dous primeiros anos o club non puido participar: non había cartos para os desprazamentos. Chegouse grazas á axuda do Concello de Lugo, a Xunta e a Deputación, e a que as propias xogadoras puxeron cartos do seu peto.
Aquelas tempadas na Liga Élite deixaron o mellor recordo do club: unhas sextas de oito equipos, sendo o único conxunto feminino galego da categoría. Visto de fóra pode non parecer gran cousa. Visto desde dentro, sabendo con que medios se chegou, foi un éxito.
A canteira
A escola montouse para que houbese relevo, non para gañar cartos. Ao principio nin sequera había monitores titulados: ensinaban as propias xogadoras do equipo, que saían de adestrar e quedaban coas peques. E desde o primeiro día prestábase material —casco, proteccións, mesmo stick— para que ninguén quedase fóra por non poder mercalo. Séguese facendo.
Funcionou. Varias daquelas nenas acabaron xogando no equipo sénior, e houbo tempadas coa pista chea e varios monitores á vez, cada un ao seu: quen empezaba, quen xa se soltaba e quen quería xogar ao hóckey.
Catro chegaron a vestir a camiseta da selección española. Entre as catro suman Mundiais, Campionatos de Europa, Ligas e Copas.
Ningunha gañou estes títulos con nós: gañáronos despois, noutros clubes e coa selección. E non son da mesma xeración: pasaron por esta escola en anos distintos.
E as catro empezaron aquí, dando os seus primeiros pasos cuns patíns do Decathlon. Como calquera peque que hoxe está na pista.
A nosa casa
Adestramos no Polideportivo Municipal Daniel Cordido, na Piringalla. Grazas ao Concello de Lugo ten chan Sport Court —o mellor que existe para a patinaxe e o hóckey liña— e valados de hóckey arredor de toda a pista.
Iso non é só comodidade para nós: a Federación Española tena como pista de referencia. Aquí xogáronse Campionatos de España de distintas categorías e xornadas de ligas nacionais, desde élite feminino ata élite alevín, ademais de campus de verán con grandes figuras do hóckey español.
O que nos move
Antes que os resultados impórtanos como os conseguimos:
Ninguén adestra sol@. Aquí rémase en equipo.
Cada caída é un paso. Inténtase, fállase e vólvese.
Coller seguridade sobre rodas e tamén fóra da pista.
Ás compañeiras, ao rival e a unha mesma.
O importante non é brillar sol@, é brillar xunt@s.
O LUME é o noso berro: o que soa na piña despois de cada partido, gáñese ou pérdase. Deporte, amizade, familia e moito LUME.
En Instagram ensinamos o club por dentro: adestros, partidos e moito LUME.
Co apoio de