Blog · CHL Meigas

Que extraescolar escoller en Lugo, sen varrer para casa

Polo CHL Meigas ·

Cada principio de setembro pasa o mesmo no Daniel Cordido. Unha nai ou un pai queda un anaco mirando a clase desde a grada e, antes de marchar, acaba preguntando o mesmo: e ti que pensas, vaille gustar ao meu peque?

A resposta honesta é que non o sabemos. Non coñecemos ao teu peque. E tampouco existe a mellor extraescolar de Lugo, por moito que en setembro pareza que hai que acertar á primeira.

O que si existe son catro cousas concretas que convén mirar antes de apuntar a ninguén a nada. Valen para o noso club e valen para o do lado.

Unha monitora da escola agachada entre un grupo de peques con casco e patíns

O primeiro non é a actividade, é o teu peque

A pregunta de partida non é “que extraescolar é mellor?”. É “que precisa o meu peque agora mesmo?”.

  • Cústalle relacionarse. Busca algo de grupo, onde o anaco de antes e o de despois conten tanto como a clase.
  • Vai sobrado de enerxía. Calquera cousa con desprazamento constante vaille sentar ben.
  • Frústrase ao fallar. Precisa avanzar ao seu ritmo sen quedar en evidencia diante de vinte.
  • Vén dunha mala experiencia. Entón o urxente non é a actividade: é que volva pasalo ben.

E a idade cambia moito as cousas. Entre os 4 e os 6 anos, explicar serve bastante menos ca ensinar: podes dar unha explicación perfecta e perdelos en dez segundos. Funciona moito mellor poñerse diante, demostrar e deixar que copien. Entre os 7 e os 10 xa procesan unha corrección falada, e é cando a técnica entra de verdade.

Aos 4 anos non fai falta que aprenda nada concreto. Fai falta que queira volver a próxima semana.

Catro preguntas para calquera club

1. Quen está c@s peques e que titulación ten? Non abonda con que haxa alguén maior de idade. Pregúntao sen rodeos: quen o ten resolto cóntacho encantado.

2. Cantos nenos hai por monitor e canto se move cada un? Unha clase de vinte cun só monitor pode significar moito máis tempo agardando quenda do que parece. Pregunta canto tempo está o teu peque facendo algo, non canto dura a clase.

3. Que pasa se chove? En Lugo, se a actividade depende do tempo, convén preguntar como se recuperan as sesións. Entre novembro e marzo non é precisamente unha pregunta teórica.

4. Canto custa de verdade o primeiro ano? Case nunca é unha cifra: adoitan ser tres. A cota mensual, o seguro ou a ficha anual, e o material. Pídeas por separado, e pregunta se prestan material para empezar.

E unha quinta que decide máis ca as outras catro xuntas: o horario é sostible? Se che obriga a recoller correndo do cole tres días por semana, ou choca coa clase de inglés, non vai durar. Un día á semana que aguanta todo o curso vale máis ca tres que se abandonan en novembro.

Como saberás en tres meses se acertaches

Non polo resultado, nin polo que diga o peque o primeiro día, que di que si a todo.

Vasllo saber por dous sinais. Un: que queira volver, mesmo os días de preguiza. E dous, o que máis se pasa por alto: que note que progresa. Un peque que se dá conta de que agora corre máis, xira mellor ou cae menos sente que está avanzando. E cando domina algo, ten que aparecer un reto novo. Se durante meses sente que sempre fai o mesmo, aí empeza o aburrimento.

Por iso desconfía de calquera actividade formulada como un curso con final. Aprender o básico non é o final de nada: é onde empeza o divertido.

E se ao final acabades en patinaxe

Non che imos dicir que a patinaxe sexa o mellor para o teu peque, porque non o sabemos. Si che podemos dicir como respondemos nós.

A escola de patinaxe é unha clase para aprender, e apréndese xogando. Pero xogando guiado: cada xogo vai detrás de algo concreto —o equilibrio, a freada, o xiro—, aínda que o peque só vexa o xogo. Non hai competición a fin de semana, así que ninguén mira o reloxo e cada peque avanza ao seu ritmo. En todas as clases hai polo menos un monitor con titulación oficial na pista, dentro dun equipo de catro monitores con experiencia. Prestamos casco e proteccións para a clase de proba —os patíns tráelos ti—, e as clases son no Daniel Cordido, que é pista cuberta: aquí non se suspende unha clase por choiva en todo o ano.

As tres cifras, xa que as pedimos: 20 € ao mes vindo un día por semana ou 27 € vindo dous, máis a ficha federativa de 45 € ao ano. Martes de 17:00 a 18:00 e venres de 17:00 a 18:00, e a clase de proba é de balde.

E se xa ten patíns e queredes saír probar pola vosa conta, preparamos unha guía de onde patinar en Lugo con nenos, ordenada do máis doado ao que xa pide oficio.

E se acabades en xudo ou en baloncesto, parécenos igual de ben. O importante é que se mova e que lle guste.

← Volver ao blog

Ven probar!

Sen compromiso e sen saber patinar. Ti elixes o día.

Martes 17:00 – 18:00
Venres 17:00 – 18:00
Quero unha clase de proba

A clase de proba é gratis · Chamámoste para poñer día · Tamén por WhatsApp: 665 69 87 77

Escríbenos por WhatsApp

Co apoio de